La Comunal é un espazo cultural cooperativo nacido da alianza entre diferentes proxectos da economía social e solidaria, co fin de reunir capacidades e poderes, fortalecer os lazos intercooperativos entre eles e multiplicar, así, o alcance e o impacto comunitario das prácticas socioeconómicas transformadoras levadas a cabo polos seus membros.
La Comunal, situada en Sants, é unha aposta por, máis alá de compartir un local, dar un salto de escala e xerar un novo nodo e espazo de referencia cultural e cooperativo na cidade barcelonesa. Articulada coma unha cooperativa de servizos, e situada no barrio de Sants de Barcelona, confórmana sete cooperativas de traballo e unha asociación: Aula d’Idiomes, Directa, Jamgo, Irídia, Lacol, La Ciutat Invisible, La Deskomunal e Quesoni.
O proxecto dá unha nova vida a catro naves industriais de inspiración modernista construídas no 1926 e declaradas coma ben arquitectónico patrimonial. O complexo, deseñado polo arquitecto Joan Bruguera i Roget por encargo do industrial téxtil Francesc Sans albergou unha escola católica para as familias traballadoras e diferentes talleres ao longo da súa historia (toldos e velas). Nos últimos vinte anos, con todo, os edificios e os seus arredores sufriron un gran deterioro. A rehabilitación, respectuosa coa herdanza patrimonial e realizada con criterios de sustentabilidade enerxética e ambiental, supón tamén a recuperación e dignificación dun espazo relevante na memoria obreira do barrio.
O complexo organízase en torno a un patio, eixo central da actividade intercooperativa das organizacións de La Comunal mais tamén aberto ao público; un espazo ben iluminado, accesíbel e seguro, deseñado para levar a cabo unha vida comunitaria e con ollada ecofeminista para converterse nun refuxio climático para a veciñanza do barrio de Sants.
Dende La Comunal e os proxectos que a compoñen pretendemos cambiar a sociedade, queremos unir forzas para promover unha economía ao servizo das persoas, baseada na reciprocidade e o apoio mutuo. Unha economía feminista que pon o coidado no centro e dirixe a súa actividade cara á satisfacción das necesidades persoais e colectivas, dende a atención á diversidade e á sustentabilidade colectiva. Unha economía comunitaria, a escala humana e de proximidade, enraizada no medio e no territorio, ecolóxica e respectuosa co medio ambiente.
En definitiva, unha economía cooperativa e popular que traballa para lograr prácticas cotiás alternativas ao réxime económico capitalista -sen privilexio, lucro, nin explotación-. Temos a vocación de xerar un horizonte de xustiza social, cunha redistribución máis equitativa dos recursos materiais e da riqueza social común.