A Aula d’Idiomes é unha das entidades de La Comunal. Somos un colectivo que xurdiu no 2014, e estableceuse coma cooperativa de traballo sen ánimo de lucro no 2017, coa intención de ofrecer un espazo de ensinanza-aprendizaxe lingüístico, horizontal e de calidade baseado nos principios da autoxestión e da democracia directa, o anticapitalismo e a pedagoxía crítica. Sendo pedagogos e aprendices ao mesmo tempo, buscamos desenvolver, de forma transversal, unha perspectiva feminista e decolonial. Actualmente, ofrecemos cursos de éuscaro, árabe, galego, catalán, italiano, castelán, alemán, francés e inglés, así como servizos de tradución e asesoramento lingüístico.
Coma profesionais do campo das linguas, observamos e cuestionamos as relacións que se producen entre a lingua, a sociedade e o poder dentro do modelo económico en que vivimos. Neste sentido, somos un colectivo comprometido coa difusión dunha cultura cooperativa que se move para reverter estas desigualdades, ou polo menos, para tratar de non reproducilas; que coida romper os estigmas que recaen nas diferentes variedades lingüísticas e nos seus falantes; e que concibe a diversidade lingüística coma unha riqueza que se pode promover.
No día a día da cooperativa, tratamos de construír unha ollada crítica cara ao mundo, mais tamén cara a nós mesmos, tratando de comprender e recoñecer as nosas diferenzas, e tomar conciencia dos nosos privilexios. Dende o corpo que cadaquén de nós habita, intentamos levar a cabo accións de revisión constante, e tamén de reparación. E é que facermos pedagoxía crítica significa cuestionalo todo. Pero non só dende as nosas aulas, senón dende todos os espazos da cooperativa: dende as asembleas até os grupos de traballo, as traducións, os talleres lingüísticos, ou nosoutras mesmas, que tamén nos sitúamos na posición de aprendices.